Multitudinaria concentración na Coruña pola paz en Ucraína e contra o envío de armas

A comunidade ucraína pediu "pechar o espazo aéreo" para protexer o seu país de ataques aéreos rusos.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 06/03/2022 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

Centos de persoas concentráronse este domingo na Coruña, fronte ao Obelisco, pola paz en Ucraína e o fin do conflito armado no país, cuxa solución non consideran que pase por "fomentar a guerra e enviar armas".

Manifestación na Coruña pola paz en Ucraína
Manifestación na Coruña pola paz en Ucraína | Fonte: Europa Press.

"Queremos transmitir que a cidadanía está farta da barbarie. Non se poden resolver os conflitos a base de bombas", relatou Xosé Abad, de Rede Acampa --asociación organizadora--, que apostou ademais por unha saída "negociada" entre Estados Unidos, Europa e o presidente ruso, Vladimir Putin --"e digo Putin, non Rusia; Putin"--.

Con esta concentración, explicou, queren "canalizar o cabreo da xente e mostrar que queremos unha saída pacífica". "Hai que buscar unha solución pacífica da forma que sexa, facendo as concesións necesarias, porque xa chegamos tarde", sinalou.

Abad remarcou que "un movemento amplo con unidade de acción" é a "fórmula imprescindible para poder contrarrestar as informacións e manipulación á cidadanía".

A este movemento, tal e como destacou, xa se sumaron máis de 40 colectivos de toda índole: partidos políticos, asociacións de veciños, sindicatos e outras entidades locais. Na manifestación desta mañá participou ademais parte da comunidade ucraína da Coruña

Na mobilización, baixo o lema 'Paz en Ucraína. Saída negociada xa!', participou o comunicador e músico Xurxo Souto, encargado de ler o manifesto no que se esixiu unha saída que impida que haxa "máis mortos, máis violencia e máis dor" entre a poboación civil.

O comunicado recolle outras peticións como o cesamento do fogo, a retirada das tropas invasoras rusas e a acollida inmediata de todas as persoas refuxiadas que chegan aos países limítrofes con Ucraína.

Na súa intervención, Souto pediu ademais "paz e saúde" para todos e agradeceu o apoio dos asistentes, que demostran "unha expresión de unidade ante unha dinámica belicista". "Fronte ao sufrimento, paz; fronte á barbarie e o retroceso dos dereitos humanos, unidade", defendeu.

"Non podemos seguir adormecidos e coa escusa de que non hai máis que facer. Ucraína necesita toda a nosa solidariedade porque se non se detén, esta guerra vainos zarrapicar a todos", argumentaron os organizadores que, respecto ao envío de armas, recalcaron que "un neno non se pode defender dun abusou cun bate de béisbol regalado".

"Ante un gramo de violencia, toneladas de palabras e de amor. É o único antídoto á violencia", incidiron na súa intervención os organizadores da concentración, que solicitaron ademais a disolución da OTAN e que "Europa saia do conflito". "O mundo é dos pobos e querémolo en paz", defenderon.

UCRAÍNOS NA CORUÑA

Algúns dos asistentes mostraron a súa desconformidade respecto diso e berraron que a concentración "non é para facer política" entre proclamas de 'Putin, asasino' ou 'Putin, lercho'.

Nesta liña expresáronse algúns dos asistentes da comunidade ucraína da Coruña, con familiares aínda atrapados no país. "A miña familia política, asediada en Jersón, ten comida para dous días", relatou un coruñés.

Outro ucraíno, fincado en Galicia desde hai máis de 10 anos e que viviu ademais en Rusia, lamentou a "horrible situación" e pediu a Europa que "axude a salvar Ucraína". "Teñen que pechar o espazo aéreo, se non, a guerra estará mañá aquí", asegurou, cualificando ademais a Putin de "maniaco".

No que todos coincidiron foi en "agradecer enormemente" aos galegos o seu apoio e contribución á causa, "aínda que para España tampouco sexa fácil".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta